Sandra Ínsua elixida candidata polos militantes do PSOE de Camariñas

Sandra Ínsua Rial aclamada como candidata polos militantes do PSOE de Camariñas

A Agrupación Socialista de Camariñas elixe a Sandra Ínsua Rial, actual alcaldesa, como cabeza de lista para as eleccións municipais do 26 de maio deste ano. A decisión foi tomada hoxe por aclamación, nunha asemblea celebrada na Casa do Pobo. A asemblea, cunha elevadísima asistencia, confirmou o apoio total da militancia á actual alcaldesa. Insua fixa na fachada marítima e na xeración de emprego dúas grandes prioridades para o próximo mandato.

Asistiron á cita o 90% dos militantes do partido en Camariñas. A asemblea confirmou a total unión da militancia coa alcaldesa e candidata. O obxectivo é revalidar a maioría absoluta do PSOE no Concello, continuando os mandatos socialistas ata sumar os 40 anos de apoio do pobo camariñán.

Insua confesouse “moi ilusionada” por afrontar as súas primeiras eleccións como candidata do Partido Socialista. “Teño moitas ganas de seguir traballando polo avance de Camariñas”, manifestou.

A actual alcaldesa avanzou algunhas liñas do seu programa. A nivel de investimentos, asegurou que seguirá loitando por completar a fachada marítima, cun paseo marítimo desde Area da Vila hasta a Carnicería, por continuar coa mellora dos camiños, e por ampliar o saneamento no territorio.

Outra das liñas prioritarias será o desenvolvemento económico para contribuír á xeración de postos de emprego. O seu desexo, apuntou, é que a xente de Camariñas teña posibilidades de traballo no propio municipio.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *