Carta de Sandra Insua Rial aos veciños do Concello de Camariñas

Estimada veciña e veciño. O vindeiro domingo 26 de maio celébranse eleccións municipais, nas que me presento á reelección como alcaldesa de Camariñas polo PSdeG-PSOE. Ante todo, quero animarte a participar nestes comicios, que son especialmente importantes porque a administración municipal é a máis próxima á cidadanía, a que se ocupa dos problemas cotiáns da xente.

Así o entendemos os socialistas e por iso durante os últimos anos centramos os esforzos do goberno municipal que presido en facer de Camariñas un lugar mellor para vivir.

Entre as numerosas accións que desenvolvemos nestes últimos anos conseguimos algúns logros importantes para o noso concello como a aprobación do PXOM, a construción do Tanatorio municipal, melloramos as instalacións deportivas como o pavillón O Areal, cubrimos co servizo de axuda no fogar a totalidade de demandantes deste servizo…

Pero somos conscientes de que aínda é moito o que queda por facer, moitos os retos que nos agardan para o futuro. Por iso elaboramos un ambicioso programa electoral, onde a nosa prioridade son as persoas, o benestar dos maiores, o deporte e a educación dos pequenos; un programa que queremos que sexa o noso compromiso contigo para os vindeiros catro anos, para seguir avanzando e mellorando o noso Concello.

Pola miña parte, comprométome a seguir traballando con humildade e coa mesma ilusión do primeiro día para construír, entre todos, un futuro mellor para Camariñas. Espero e desexo poder contar co teu voto e a túa confianza para facelo posible.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *